Saúdo do Vicepresidente Antón Bao Abelleira
Antón Bao Abelleira É para min un pracer darche a benvida a este espazo virtual creado para dar cabida á información desta institución na que, por vontade da cidadanía, ostento responsabilidades de goberno. Un goberno formado en xullo de 2007 e sustentado polos que representamos ao Bloque Nacionalista Galego xunto cos deputados e deputadas do Partido Socialista.

A chegada á Deputación deste goberno bipartito supuxo, ao igual que sucedeu no goberno galego, unha democratización da institución encamiñada a poñer os recursos públicos ao servizo da xente e contando coa xente. Este compromiso de cambio materializámolo, dende un primeiro momento, saldando antigas débedas da Deputación con outras institucións e coa propia cidadanía. Abrimos as portas da institución ás persoas e achegámonos ás comarcas para coñecer o tecido asociativo deportivo e cultural. Como ferramenta indiscutible, poñemos este medio, a través do que me comunico contigo, á túa disposición para interaccionar, no que precises, coa Deputación.

É o momento de superar todos os complexos e sentirnos orgullosos do noso país, do noso idioma e do noso de xeito de ser, de pensar e de facer. Rematou a época do servilismo e da obediencia e chegou o momento no que os electos para representar á cidadanía sexamos traballadores ao servizo de unha sociedade igualitaria en dereitos e deberes .

Como vicepresidente e como nacionalista quero transmitirche que dende as áreas gobernadas pola forza política que represento todo o esforzo, desenvolvido na acción de goberno, estará dirixido a traballar por Lugo e por Galiza. Teño a seguridade que a nosa acción de goberno será transformadora e contribuirá a que os concellos, as entidades e o tecido asociativo cobren o protagonismo e a forza precisa para dinamizar e poñer en valor as comarcas de Lugo. Sei tamén que cometeremos erros, os erros inevitables dos que traballan por transformar e mellorar a sociedade. Dende as responsabilidades de goberno que teño encomendadas marquei como primeiro obxectivo achegar, a través dos concellos, todos os recursos dos que dispoña esta entidade para mellorar a calidade de vida dos lugueses e das luguesas independentemente do entorno no que residan, das súas ideas e das súa condición social.



Co afán de levar a cabo coa maior celeridade e profesionalidade posible o compromiso persoal e político adquirido con todos os lucenses e cos distintos concellos de Lugo en xullo de 2007, dende a Vicepresidencia Primeira da Deputación e, dende o BNG, púxemos todo o noso esforzo na recuperación e consolidación das actividades e dos espazos culturais e deportivos existentes en toda a nosa xeografía. Un labor que desempeña con acerto todo o persoal da Área de Cultura e Deporte.

Para todos nós é unha prioridade, e máis nestes tempos, contribuír á recuperación e conservación do noso patrimonio histórico –material ou inmaterial- e potenciar en boa medida o tecido asociativo cultural existente en todas as comarcas. Un feito que se plasma en cada unha das achegas que realizamos aos concellos, especialmente a aqueles que contan cuns orzamentos máis reducidos.

A rehabilitación ou incluso a construción de espazos deportivos é tamén unha das nosas máximas. A descentralización da práctica dos deportes de base ou de calquera outra disciplina minoritaria é outro dos obxectivos que nos marcamos no momento no que chegamos á Deputación de Lugo e que, tentamos conseguir día a día.

Por iso, poño ao voso dispor esta páxina web, unha nova canle de comunicación que espero, se converta nunha ferramenta de utilidade para pór en coñecemento todas as iniciativas e axudas que clubs, asociacións culturais e concellos tendes ao voso alcance.
Inicio | Estrutura | Noticias | Axenda | Actividades culturais | Axudas | Documentación e impresos | Asociacións e clubs deportivos | Publicacións | Imaxe corporativa