Proxeccións de Pradolongo
A Área de Cultura da Deputación de Lugo proxectou ao longo do verán de 2008 o filme galego Pradolongo en vinte concellos lucenses. A empresa Mr. Misto foi a encargada de desenvolver a parte técnica, realizando as montaxes e proxeccións en pantallas inchábeis de grandes dimensións, que permitiron ao público gozar do filme con alta calidade nas prazas dos concellos e vilas. Os vinte concellos nos que se realizaron as proxeccións ao aire libre foron: Lugo, Meira, Mondoñedo, Sarria, Guntín, A Fonsagrada, Ribadeo, Barreiros, Foz, Monforte de Lemos, A Pobra de Brollón, Xermade, Pol, Burela, Baralla, Chantada, Xove, A Pastoriza, Riotorto e Vilalba.

Doutra banda, a exhibición pública deste filme foi apoiada pola Área de Cultura da Deputación de Lugo. Así, no mes de maio, case un milleiro de estudantes puideron achegarse a uns multicines de Lugo para ver as proxeccións de Pradolongo. A Área de Cultura da Deputación, ademais de asumir o custo dos autobuses para o transporte dos rapaces e rapazas até o lugar de proxección, entregou a cada un deles un bono-desconto de 1 euro para alixeirar o prezo da entrada.

PRADOLONGO propón unha visión naturalista e 100 % galega do contraste entre a Galiza "verde" fronte ao desenvolvemento industrial representado polas empresas louseiras, como fondo dunha historia de iniciación protagonizada por tres rapaces que chegan á maioría de idade e vense obrigados a reconsiderar os seus soños.

Producida por Vía Láctea Filmes, PRADOLONGO conta coa participación de TVG e coa axuda da Dirección Xeral de Creación en Difusión Cultural da Consellería de Cultura e Deportes da Xunta de Galicia, da Axencia Audiovisual Galega, da Deputación de Ourense, así como coa colaboración da Secretaría Xeral de Comunicación Audiovisual e Turgalicia.
Inicio | Estrutura | Noticias | Axenda | Actividades culturais | Axudas | Documentación e impresos | Asociacións e clubs deportivos | Publicacións | Imaxe corporativa