Cultura
Lugo, 2 de xullo de 2009
Antón Bao presentou o programa de actividades de verán Cultura Aberta nos Concellos
Este programa, desenvolvido pola Área de Cultura da Deputación, levará actividades culturais de calidade pola práctica totalidade dos concellos lucenses de xullo a setembro
O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antón Bao, presentou hoxe o programa de actividades de verán “Cultura Aberta nos concellos”, que se desenvolverá entre xullo e setembro pola práctica totalidade dos concellos lucenses, levando actividades culturais variadas, de calidade, gratuítas e para todos os públicos.

Coa programación deste circuíto, que engloba tres actividades diferentes, a Área de Cultura da Deputación pretende, segundo sinalou Bao, “facer que a Deputación funcione como elemento vertebrador e fornecedor dos concellos tamén no eido cultural”. O vicepresidente da Deputación fixo fincapé en que “grazas ao apoio e traballo da Área de Cultura da Deputación faise posíbel que actividades culturais de calidade cheguen a concellos que por razóns xeográficas ou socioeconómicas permanecerían á marxe deste tipo de programación cultural”. Este propósito de “democratización da cultura” define, segundo Antón Bao, un dos eixos e piares de traballo da Área de Cultura da Deputación. Unha liña de actuación que posibilita, tal como explica o vicepresidente da Deputación, que “case a totalidade dos concellos da provincia de Lugo reciban actividades culturais de calidade sufragadas pola Deputación, dado que a todos aqueles concellos que o solicitaron lles foi concedida unha actividade”.

O vicepresidente da Deputación, Antón Bao, entrou a explicar en que consisten cada unha das tres actividades que engloba o proxecto “Cultura Aberta nos concellos”. Deste xeito, haberá proxeccións de cine para os máis pequenos a bordo dunha caravana itinerante, chamada “A caixiña dos mistos”. O feito de ser un espazo pechado posibilita, segundo Bao, “que as proxeccións se poidan levar a cabo sen ter en conta as inclemencias meteorolóxicas, para evitar que, tal como aconteceu o ano pasado, varias das proxeccións de cinema en exteriores que programara a Área de Cultura da Deputación se visen deslucidas polo mal tempo”. Así asegúrase o éxito ao achegar a cultura cinematográfica e audiovisual aos nenos e nenas lucenses. Esta actividade itinerará por 30 concellos lucenses durante os meses de xullo e agosto.

Outra das actividades que se levará a cabo, e que tal como indicou Bao se estreou cun éxito rotundo nos xardíns da Deputación diante de preto de 200 nenos, nenas, pais e nais, é o espectáculo de humor, malabares e habilidade que representa a personaxe imaxinaria Peter Punk, ser evanescente que habita o mundo de Nunca Máis. 30 concellos lucenses terán a oportunidade de gozar co esperpéntico show de clown e malabares que propón Peter Punk.

Doutra banda, Maxia nas Comarcas aspira a converterse na actividade máis espectacular do verán alá polos concellos lucenses polos que pase. Os mellores magos galegos xuntaranse para espertar a ilusión entre públicos de todas as idades, nun espectáculo co éxito asegurado nas nove funcións que haberá noutros tantos concellos lucenses.
Inicio | Estrutura | Noticias | Axenda | Actividades culturais | Axudas | Documentación e impresos | Asociacións e clubs deportivos | Publicacións | Imaxe corporativa