Deportes
Lugo, 29 de xaneiro de 2010
A Deputación de Lugo destina 180.000 euros para a remodelación integral da escola de piragüismo
Antón Bao anunciou que se reunirá cunha ducia de clubs deportivos de toda a provincia para tratar de adecuar o funcionamento das instalacións ás súas necesidades
O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antón Bao, informou hoxe no transcurso da rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, fóra dos asuntos da orde do día, que a Deputación de Lugo, a través da súa Área de Deportes, fixo un investimento de 180.000 euros para o arranxo e remodelación integral do edificio da escola de piragüismo. Con esta importante cifra, a Área de Deportes da Deputación conseguiu recuperar para o seu uso deportivo unhas instalacións que presentaban un estado próximo ao abandono desde a anterior etapa de goberno.

Segundo explicou Antón Bao, as obras para acometer a remodelación integral “precisaron de arranxar e renovar a cuberta, que se atopaba en tan mal estado que producía constantes filtracións de auga que danaban o interior do edificio” coa agravante de que “houbo que contratar a unha empresa especializada no procesado do amianto, un material totalmente rexeitado polo seu impacto ambiental e na saúde humana, para retirar as placas de fibrocemento (Uralitas) do tellado”. A continuación, colocouse o tellado con lousa do país e instalouse un sistema de recollida de augas pluviais, rematando co pintado de fachadas e a instalación de iluminación exterior. As obras non só se limitaron ao exterior, senón que, tal como dixo o vicepresidente da Deputación, “incluíron a renovación da instalación eléctrica, a instalación de auga quente sanitaria e o alicatado e pintado das salas e das zonas dos baños e duchas”. No tocante ao equipamento, Bao anunciou que existían “dúas balsas de auga empregadas para o adestramento do piragüismo, pero que informes técnicos indicaron que xa quedaran obsoletas no seu uso polo que serán substituídas por elementos de adestramento modernos, máis empregados na actualidade para mellorar o rendemento nos adestramentos de piragüismo, coñecidos como ergómetros”. Polo tanto, “coa instalación de dous ergómetros no ximnasio cumprirase coas funcións de adestramento de remo e modernizarase o equipamento da escola de piragüismo”.

Antón Bao pormenorizou no estado das actuacións na escola de piragüismo, avanzando que unha vez rematadas as obras e co inventario do material das instalacións que se fixo a semana pasada, a semana que entra comezarán as tarefas de limpeza para deixar as instalacións adecuadas tralas obras.

Co propósito de que sexan unhas instalacións ben aproveitadas e funcionais para dinamizar a práctica deportiva da disciplina do piragüismo, que conta cun amplo número de deportistas en Lugo, e tamén doutras modalidades susceptíbeis de beneficiarse destas instalacións, como o triathlón, Antón Bao anunciou que se “convocou para a semana que vén a unha ducia de clubs de toda a provincia, de xeito que poidamos escoitar abertamente as súas propostas para adecuar adecuar o funcionamento das instalacións e equipamentos ás demandas dos e das deportistas”.

Unha vez que no mes que entra se lle dea o retoque definitivo ao ximnasio, aos angares, oficinas e tamén instalacións exteriores coma o pantalán, e despois da reunión cos clubs se elabore un sistema de xestión e de traballo, Bao afirmou que se “agarda que na primavera dea comezo a actividade na escola de piragüismo”. Con esta actuación, Antón Bao dixo que se “cumpren os obxectivos propostos desde a Área de Deportes da Deputación no tocante ao mantemento en perfecto estado das instalación para posibilitar a práctica deportiva da cidadanía, ademais, neste caso, sabedores da gran demanda e interese que estas instalacións da escola de piragüismo teñen en moita poboación de Lugo e a provincia”.

Asuntos do día e respostas aos xornalistas
Dentro dos asuntos do día da Xunta de Goberno, o vicepresidente da Deputación deu conta do estabelecemento do prezo público do libro “Rebeca López Era Unha Vez” da colección Ronsel, que pertence á serie dos catálogos do Museo de Lugo nº 8, e se fixou en 14 euros

Antón Bao, ao ser consultado polos xornalistas sobre o encontro mantido onte co presidente da Deputación de Ourense coa intención de estudar a colaboración de cara á creación dun museo a Manuel María na súa casa natal, afirmou que “a Deputación de Ourense foi a primeira que, unha vez recibida a carta que enviamos coa proposta, chamou para concertar unha cita, cuxos resultados do encontro xa se fixeron públicos onte ao manifestar o presidente Baltar unha predisposición a apoiar o proxecto por consideralo, en palabras textuais, “unha iniciativa de País”.

O vicepresidente da Deputación explicou que unha vez que o proxecto fose avanzando retomaríase esta predisposición afirmativa da Deputación de Ourense para rubricar o acordo de apoio mediante un convenio entre ambas partes. Do mesmo xeito, Bao explicou que “só restan por responder á convocatoria feita pola Deputación de Lugo a propia Consellaría de Cultura e a Deputación de Pontevedra, pero que a teor dos pasos que se están dando e dos apoios recibidos polo de agora, que hai que agradecer profundamente, imos cumprindo prazos e avanzando de xeito importante cara a conseguir o obxectivo final de que a casa natal de Manuel María se convirta nun museo para a súa obra”.
Documentos relacionados
Corte de Voz - Antón Bao sobre a escola de piragüismo[ 128 KB ]
Corte de Voz - Antón Bao sobre a escola de piragüismo
Inicio | Estrutura | Noticias | Axenda | Actividades culturais | Axudas | Documentación e impresos | Asociacións e clubs deportivos | Publicacións | Imaxe corporativa