Amigos do Patrimonio de Castroverde presentou as actividades que desenvolverán co apoio da Deputación nos vindeiros meses
Antón Bao destacou “o intenso traballo a prol da defensa, recuperación e dinamización do noso patrimonio que realizan asociacións coma os Amigos do Patrimonio de Castroverde”
Esta mañá a Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde presentou no salón de actos da Deputación o programa de actividades que vai desenvolver nos vindeiros meses en colaboración coa Área de Cultura da Deputación de Lugo. As actividades foron presentadas polo vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antón Bao, acompañado do presidente da Asociación de APC, Manolo Muñiz, e Sabino Besteiro, da directiva da asociación, e levan por título “O Camiño Primitivo: A palabra e a música no camiño”.
Antón Bao, na súa intervención, quixo destacar o “intenso traballo a prol da defensa recuperación e dinamización do noso patrimonio que realizan asociacións coma os Amigos do Patrimonio de Castroverde” e gabou tamén o traballo do asociacionismo lucense porque “logran manter e organizar actividades que chegan á poboación das diferentes comarcas e que doutro xeito non se conseguirían realizar”. Por esta razón, Bao defendeu que “as institucións debemos apoiar este asociacionismo de base polo seu traballo e porque son quen están en contacto directo co patrimonio. Na mesma intervención, Antón Bao felicitou polo seu inestimábel traballo a prol da cultura á Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde e congratulouse do “labor que farán con estas actividades, que coincide co que desde a Deputación se leva un tempo traballando no contexto do Ano Xacobeo, que é afondar nun maior coñecemento do Camiño Primitivo, a súa posta en valor e facerse eco das melloras que precise, comezando pola propia delimitación do camiño, un primeiro paso que permitiría avanzar en moitas outras propostas”.
Pola súa banda, Manuel Muñiz, agradeceu o apoio da Vicepresidencia Primeira da Deputación, da que depende a Área de Cultura, polo seu apoio ás actividades que organiza o colectivo de Amigos do Patrimonio de Castroverde. O presidente da asociación de APC explicou que as actividades que programan se van desenvolver no salón de actos do CPI de Castroverde e que teñen como eixo central o Camiño Primitivo ao seu paso por Castroverde, que centrará unha primeira conferencia este xoves 4 de febreiro. A continuación, o 10 de febreiro, María Cuadrado levará a cabo un acto, titulado “chove para que eu soñe”, que combina recital e música sobre a figura de Uxío Novoneyra. Xa o venres 26 de febreiro, será Miro Casabella o encargado de xuntar palabra e música baixo o título de “No bico un cantar”. Remata o ciclo de conferencias o 26 de febreiro con Xosé Mª Gómez Vilabella, quen falará sobre o “Pasado, presente e futuro de Castroverde”, ao que seguirá a presentación do catálogo de fotos e artistas “Érase unha vez Castroverde...”
Xa en maio, o venres 28, a Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde ten programado unha actividade denominada Olimpíada Tecnolóxica: Tecnoloxía Verde no Camiño Primitivo, que pretende ser un punto de achegamento entre as novas tecnoloxías e o patrimonio como elementos dinamizadores.