Antón Bao xuntouse cos clubs de piragüismo e triatlón da provincia para analizar o futuro da escola de piragüismo
Bao explicou que se persegue "escoitar abertamente as propostas dos clubs para adecuar o funcionamento das instalacións e equipamentos ás demandas dos deportistas
Esta mañá, o vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antón Bao, mantivo unha xuntanza cos representantes dos 12 clubs da provincia que hai nas disciplinas de piragüismo e triatlón para tratar de analizar o futuro uso e funcionamento que rexerá a escola de piragüismo das Saamasas, que acaba de ser recuperada pola Área de Deportes da Deputación cun investimento aproximado de 180.000 euros. Segundo explicou o vicepresidente da Deputación, con esta xuntanza tratábase de “escoitar abertamente as propostas dos clubs para adecuar o funcionamento das instalacións e equipamentos ás demandas dos deportistas”. Para Antón Bao, o modelo de xestión que se adopte debe ir encamiñado a “achegar a canta máis poboación posíbel ao deporte do piragüismo desde a base”.
Antón Bao, á saída da xuntanza, afirmou que, logo da remodelación integral á que se someteron as instalacións das Saamasas, “esta xuntanza servirá para que a escola de piragüismo, e a Área de Deportes da Deputación, sexan vistas como un referente de colaboración por parte dos clubs de piragüismo” de cara a conseguir que “un deporte de tanto arraigo, de tanta afección e que tantos éxitos ten dado a Lugo volva ao seu esplendor”.
As obras de recuperación da escola de piragüismo consistiron en arranxar e renovar a cuberta, que se atopaba en tan mal estado que producía constantes filtracións de auga que danaban o interior do edificio coa agravante de que houbo que contratar unha empresa especializada no procesado do amianto, un material totalmente rexeitado polo seu impacto ambiental e na saúde humana, para retirar as placas de fibrocemento (Uralitas) do tellado. A continuación, colocouse o tellado con lousa do país e instalouse un sistema de recollida de augas pluviais, rematando co pintado de fachadas e a instalación de iluminación exterior. As obras no interior do edificio incluíron a renovación da instalación eléctrica, a instalación de auga quente sanitaria e o alicatado e pintado das salas e das zonas dos baños e duchas. No tocante ao equipamento, existían dúas balsas de auga empregadas para o adestramento do piragüismo, pero logo de informes técnicos que indicaron que xa quedaran obsoletas no seu uso polo son substituídas por elementos de adestramento modernos, máis empregados na actualidade para mellorar o rendemento nos adestramentos de piragüismo, coñecidos como ergómetros. Unha vez que no mes que entra se lle dea o retoque definitivo ao ximnasio, aos angares, oficinas e tamén instalacións exteriores coma o pantalán, e tras esta xuntanza cos clubs de piragüismo, agárdase que na primavera dea comezo a actividade na escola de piragüismo, co que se cumpren os obxectivos propostos desde a Área de Deportes da Deputación no tocante ao mantemento en perfecto estado das instalación para posibilitar a práctica deportiva da cidadanía, ademais, neste caso, sabedores da gran demanda e interese que estas instalacións da escola de piragüismo teñen en moita poboación de Lugo e a provincia.