Deportes
Lugo, 4 de febreiro de 2010
Presentouse a Xuntanza do Automobilismo Lucense, unha xornada que dará inicio á tempada do motor lucense
Antón Bao sinalou que se “pretende que a xuntanza sexa a presentación da tempada de automobilismo e sirva de escaparate para todos os pilotos lucenses en competición”
Esta mañá, o vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antón Bao, xunto ao presidente da Escudería Miño, Carlos Íñiguez, presentaron a Xuntanza do Automobilismo Lucense, que terá lugar o vindeiro domingo 7 a partires das 5 da tarde no Pazo dos Deportes de Lugo. Esta actividade, que segundo Antón Bao pretende ser “a presentación da tempada de automobilismo e escaparate para todos os pilotos lucenses en competición”, está organizada pola Escudería Miño coa colaboración da Área de Deportes da Deputación de Lugo. A Xuntanza do Automobilismo lucense vai ofrecer a todas as persoas que se acheguen ao Pazo dos Deportes a posibilidade de ver de preto os vehículos e todo o equipo técnico dos equipos lucenses de rallys de asfalto, de montaña, todoterreo, históricos, velocidade e slálom de cara á nova tempada que comeza.

Antón Bao fixo fincapé en que desde a Deputación de Lugo “impulsouse esta actividade porque queremos que estean presentes tamén todos aqueles pilotos que teñen menos oportunidade para saír á luz pública, de xeito que este acto sirva para que se fagan visíbeis, aínda que estean acompañados dos principais pilotos lucenses”. O vicepresidente da Deputación sinalou que “o deporte do motor en Lugo move a unha grande cantidade de afeccionados e a nivel profesional está a colleitar os maiores éxitos día tras día, polo que desde a Área de Deportes da Deputación debemos poñer os nosos esforzos en potencialo”.

Pola súa banda, Carlos Íñiguez, presidente da Escudería Miño, que organiza o evento, agradeceu o traballo que está a realizar a Deputación á hora de promover o deporte en Lugo e brindar oportunidades coma estas para que os equipos pequenos se dean a coñecer de cara ao inicio da tempada. Recollendo as palabras de Antón Bao sobre o bo momento do automobilismo lucense, Íñiguez lembrou que Lugo conta cos campións de rallys de Galiza, de España, do campionato de montaña de vehículos carrozados de Galiza, do galego de Todoterreo e varios campionatos monomarca.

Íñiguez avanzou que na Xuntanza do Automobilismo Lucense do domingo, a partir das 5 da tarde, os afeccionados poderán ver de preto grandes equipos como o Nupel Rally Team, cos seus espectaculares Ford Fiesta S2000, varios Mitsubishis de alta competición, vehículos Speedcar de montaña, un mítico Renault Alpine de históricos, e despois practicamente a totalidade de vehículos que compiten en Galiza. Por esta razón, Carlos Íñiguez animou a achegarse a todos os afeccionados ao motor o vindeiro domingo ao Pazo dos Deportes nunha oportunidade única para ver de preto, fotografiarse, ou incluso obter os autógrafos das figuras máis destacadas do automobilismo lucense.
Inicio | Estrutura | Noticias | Axenda | Actividades culturais | Axudas | Documentación e impresos | Asociacións e clubs deportivos | Publicacións | Imaxe corporativa