Deportes
Burela, 4 de febreiro de 2010
Antón Bao visitou o Burela FS e anunciou a concesión dunha axuda ao club de 125.000 euros
O vicepresidente da Deputación afirmou que “desde a Área de Deportes da Deputación sempre fixemos fincapé en potenciar aqueles proxectos deportivos que se constrúen desde a base, como o Burela FS”
Esta tardiña, o vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antón Bao, xunto ao delegado de Deportes da Deputación, Antonio Veiga, realizaron unha visita ao Burela FS, no transcurso da cal Antón Bao anunciou que a Área de Deportes da Deputación concedeu unha axuda de 125.000 euros ao Burela FS para contribuír co club mariñao a manter tanto os seus equipos masculino e feminino de elite como as categorías inferiores.

Durante a súa visita ao Burela FS, onde estiveron cos rapaces de infantil das categorías inferiores no pavillón de Vista Alegre, Antón Bao e Antonio Veiga foron acompañados por José Ramón González Casas, presidente do Burela FS e membros da directiva do club. Aproveitando a ocasión, o vicepresidente e o delegado de Deportes da Deputación fixeron un pequeno agasallo de material deportivo aos nenos e nenas da categoría infantil que se atopaban no pavillón de Vista Alegre. Despois da visita ás categorías inferiores no pavillón, a comitiva trasladouse ás dependencias do club na rúa Pardiñas, onde puideron observar as oficinas nas que se realizan as xestións para o funcionamento deste proxecto deportivo mariñán.

Ao intervir para os medios de comunicación, Antón Bao quixo facer referencia a que “desde a Área de Deportes da Deputación sempre fixemos fincapé en potenciar aqueles proxectos deportivos que se constrúen desde a base, de xeito que, apoiando a clubs como o Burela FS, logremos dinamizar e promover a práctica deportiva desde as idades máis novas”. Bao salientou que “os éxitos que están a colleitar os primeiros equipos, destacando o equipo feminino comodamente instalado na División de Honra estatal pese a ser a súa primeira tempada na máxima categoría, avalan o bo traballo que o Burela FS realiza desde a base”. Antón Bao tamén lembrou que un dos aspectos a valorar e polo que se apoia ao Burela FS é “polo seu carácter comarcal, erixindo un proxecto de promoción deportiva que supera ao ámbito municipal xa que as actividades que se desenvolven arredor do club moven a máis de 200 nenos e nenas de toda a comarca, á vez que afianzan a integración familiar” -pais e nais acoden ás competicións e participan da comunidade deportiva que xira arredor do club-.

Este aspecto social tamén resulta importante que as institucións o apoien, segundo defendeu Antón Bao, polo que a “Deputación de Lugo, dentro desta axuda ao Burela FS, tamén apoia a fundación relacionada co club, IMDECUM, que promove un impulso ao deporte, á cultura e ao turismo da Mariña”.

José Ramón González Casas, presidente do Burela FS, agradeceu a visita do vicepresidente da Deputación e a inestimábel axuda que a entidade lucense recibe da súa Área de Deportes, ao mesmo tempo que aproveitou para felicitar a este organismo polo seu traballo, apoiando ás asociacións e clubs lucenses, a prol da dinamización e potenciación da práctica do deporte na comarca da mariña e en toda a provincia.
Inicio | Estrutura | Noticias | Axenda | Actividades culturais | Axudas | Documentación e impresos | Asociacións e clubs deportivos | Publicacións | Imaxe corporativa