A Deputación decide por unanimidade recorrer a sentenza da Audiencia Provincial sobre o legado de Álvaro Gil
Antón Bao explicou que se toma esta decisión “co obxectivo de que este legado se manteña no Museo Provincial de Lugo a disposición de todos os lucenses e os cidadáns deste País”
O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antón Bao, informou hoxe no transcurso da rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, fóra dos asuntos da orde do día, que a Deputación de Lugo acordou, por unanimidade das tres forzas políticas con representación provincial, solicitar a admisión a recurso no Tribunal Supremo ante a sentenza da Audiencia Provincial sobre o legado de Álvaro Gil.
Antón Bao explicaba que esta decisión se tomou “porque é a nosa responsabilidade política manter abertas todas as posibilidades de defensa posíbeis co obxectivo fundamental de que ese legado se manteña no Museo Provincial de Lugo a disposición de todos os lucenses e os cidadán deste País”. Bao indicou que tamén influíu a postura da familia “ao anunciar que suspendería, agardamos que temporalmente, as negociacións”. Malia a presentación da solicitude de admisión a recurso, Antón Bao quixo facer fincapé en que “non pechamos de ningunha maneira as portas a unha posíbel negociación coa familia”, polo que a Deputación segue aberta a retomar esas negociacións permanecerá a disposición da familia para continuar explorando a vía da negociación. O vicepresidente Antón Bao explicou que a admisión ao recurso no Tribunal Supremo será solicitada o vindeiro luns, que é cando remata o prazo para facelo efectivo.
Como vai pasar un tempo até que o TS se pronuncie sobre se admite a trámite o recurso que a Deputación presentará, e diante da posibilidade de que a familia poida solicitar de novo a execución da sentenza e a devolución das pezas da colección, o vicepresidente da Deputación aclarou que, “logo da primeira resolución do Xulgado de 1ª Instancia nº 2 houbo unha petición de execución da sentenza e entrega das pezas á parte demandante que a Deputación recorreu, resultando que en decembro de 2009 a Xuíza dese mesmo Xulgado estimou o recurso da Deputación e negóuselles aos demandantes a posibilidade de executar a sentenza”. Polo que, no caso de que os demandantes persistisen en solicitar a execución da sentenza mentres non se coñecese o resultado do recurso do TS, a Deputación tería que recorrer de novo como o fixo na anterior ocasión, pronunciándose a favor da institución en decembro a Xuíza do Xulgado de 1ª Instancia Nº 2 ao suspender a execución da sentenza.
Asuntos do día
Dentro dos asuntos do día da Xunta de Goberno, o vicepresidente da Deputación deu conta da adxudicación provisional do contrato de subministración de produtos de droguería e bazar para o Centro Residencial e Rehabilitador San Rafael por un importe de 60.807,20 euros.
Por outra banda, aceptouse a renuncia a dúas subvencións pola realización de actividades deportivas no ano 2006 por parte da asociación O Varal, por un importe de 1.000 euros, e do Club Baloncesto Foz, por 1.500 euros.