Deportes
Lugo, 13 de febreiro de 2010
A Área de Deportes da Deputación de Lugo recibiu o premio ao MELLOR LABOR DE PROMOCIÓN DO TRIATLÓN 2009
O vicepresidente, Antón Bao, recolleu este galardón na XI Gala do Triatlón Galego
A Federación Galega de Triatlón recoñeceulle á Área de Deportes da Deputación de Lugo a súa laboura pola aportación á promoción do Triatlón e Pentatlón Moderno na provincia de Lugo. O vicepresidente, e responsable máximo da área de Deportes, Antón Bao recolleu este galardón que foi entregado na XI edición da Gala do Triatlón Galego. Ademais da Deputación de Lugo recibiron o seu correspondente recoñecemento os concellos de Allariz e Ferrol polo apoio a este deporte. O vicepresidente da Deputación agradeceu o galardón e felicitou á Federación Galega de Triatlón e a tódolos premiados polo seu bo labor no eido do deporte. A gala celebrouse no salón de actos do edificio administrativo da Xunta de Galiza en Lugo.

Esta gala anual, na que se reúne toda a familia do Triatlón, serve para recoñecer o esforzo dos atletas e equipos vencellados a este deporte. Na gala, que estivo amenizada por un dúo de corda e o malabarista Pablo Trasno, fíxose entrega dos premios individuais e de clubs polos resultados obtidos na tempada 2009. A entrega aos premiados correu da man das autoridades presentes e dos representantes dos clubes e membros da Federación Galega de Triatlón. No vicepresidente da Deputación recaeu a honra de entregar os galardóns aos premiados nas categorías de mellor triatleta galega 2009 que recaeu na persoa de Saleta Castro Nogueira do Cidade de Lugo Fluvial e como mellor triatleta promesa galego 2009 foi recoñecido Roberto Barral Noia do Bricosa Arcade Inforhouse Santiago.
Inicio | Estrutura | Noticias | Axenda | Actividades culturais | Axudas | Documentación e impresos | Asociacións e clubs deportivos | Publicacións | Imaxe corporativa