Deportes
Lugo, 19 de febreiro de 2010
Antón Bao anunciou que a Deputación convocará bolsas destinadas a deportistas individuais
A Área de Deportes da Deputación destinará 60.000 euros para apoiar a deportistas que compiten en modalidades individuais e non poden acceder a outro tipo de convocatorias
O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antón Bao, informou hoxe no transcurso da rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, fóra dos asuntos da orde do día, que a Área de Deportes da Deputación porá en marcha no primeiro trimestre deste ano unha convocatoria de bolsas destinadas a apoiar a deportistas individuais, para o cal se destinarán 60.000 euros.

Segundo explicou Antón Bao, esta convocatoria de bolsas ten como finalidade “apoiar a deportistas que compiten en modalidades individuais e non poden acceder a outro tipo de convocatorias desta institución e doutras”. Segundo Antón Bao “está no noso ánimo apoiar a todas aquelas persoas que practican disciplinas deportivas nas que se compite de xeito individual e que, en moitos casos, a pesares de estar na alta competición, non perciben as axudas necesarias para poder manter a súa actividade deportiva ao nivel necesario para acadar os resultados que se corresponden ao seu nivel competitivo”.

O vicepresidente da Deputación lembrou que en 2008 xa convocaran estas bolsas para que as se destinaran un total de 50.000 euros. Naquela ocasión obtiveran estas bolsas 68 deportistas lucenses de diferentes disciplinas individuais. Non obstante, Antón Bao explicou que “este ano incrementamos 10.000 euros a partida orzamentaria a tal fin para destinar un total de 60.000 euros, que se repartirán en bolsas individuais sen que a axuda poida sobrepasar os 2.000 euros para cada deportista”. Bao mencionou algúns exemplos de deportistas que acadaran a axuda en 2008, como Sara Álvarez en Judo, Tania López en Billar, Gustavo Platas en Atletismo, Aida Valiño en Triatlón ou Tania Fernández en Piragüísmo, etc.

As bolsas que se convocarán estarán reguladas polas bases e concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia. As bolsas terán como obxecto apoiar a práctica e o rendemento deportivo, tanto en relación ao perfeccionamento técnico e a obtención de maior rendemento nas respectivas modalidades deportivas, como posibilitar a súa participación en eventos deportivos, facilitándolles aos deportistas da provincia o acceso a unha preparación integral axeitada.

Asuntos do día
Dentro dos asuntos do día da Xunta de Goberno, Antón Bao, vicepresidente da Deputación, deu conta da aprobación do aboamento de subvencións concedidas a oito concellos pola realización de actividades e eventos deportivos por un total de 18.979,21 euros.
Inicio | Estrutura | Noticias | Axenda | Actividades culturais | Axudas | Documentación e impresos | Asociacións e clubs deportivos | Publicacións | Imaxe corporativa