Lugo acollerá esta fin de semana o II Open Cidade de Lugo de Armas Neumáticas
A competición desenvolverase do 26 ao 28 deste mes e está organizada polo club de tiro do Real Aeroclub de Lugo coa colaboración da Área de Deportes da Deputación de Lugo
Esta mañá, o vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antón Bao, presentou no salón de actos da Deputación de Lugo o II Open Cidade de Lugo de Armas Neumáticas, que se celebrará na galería da Casa do Deporte de Lugo do 26 ao 28 de febreiro, e xuntará nesta cidade aos mellores tiradores do noroeste do Estado. No acto de presentación do torneo estiveron presentes Ángel Blas Paz Díaz, presidente da Real Federación Galega de Tiro Olímpico; o presidente do comité organizador do II Open Cidade de Lugo de Armas Neumáticas, José Antonio Barrio e Xosé Manuel Grandío, concelleiro de Deportes de Lugo.
Antón Bao, na súa intervención, remarcou que “estamos diante dun torneo que na súa segunda edición vai consolidarse e que vén avalado polo éxito da súa primeira convocatoria, no ano pasado”. O vicepresidente da Deputación manifestou que “só resta agardar que esta edición sexa un éxito, algo que xa está seguro” e aproveitou para lembrar que, “pese a ser un deporte que non ten un alto número de seguidores e deportistas si ten un arraigo especial en Lugo, onde se leva practicando desde moito tempo atrás”. Neste camiño, Antón Bao mencionou a figura do excelso deportista e tirador lucense Julio Rivas, “quen posibelmente sexa un dos deportistas lucense máis laureados, con máis premios e medallas conseguidas con diferenza”.
José Antonio Barrio, presidente do comité organizador do II Open Cidade de Lugo de Armas, reafirmou as palabras de Antón Bao sobre o éxito da primeira edición xa que para eles “superou as mellores previsións” e agradeceu a colaboración da Área de Deportes da Deputación, das institucións e da Federación Galega de Tiro Olímpico polo seu apoio para poñer en marcha a competición e volver de novo a organizala nesta segunda edición. José Antonio Barrio destacou o alto número de deportistas que se achegarán a Lugo para disputar a proba, entre 100 e 150, e o espírito de convivencia que rodea a competición, xa que propicia que estes deportistas doutras partes do Estado aproveiten para coñecer Lugo, beneficiándose tamén a hostalería e o turismo da cidade. Neste sentido, Barrio explicou que o trofeo para os gañadores será unha reprodución da muralla de Lugo cun reloxo, reforzando a imaxe de Lugo como destino turístico de xeito que se complementen as iniciativas que desenvolven as institucións.
O II Open Cidade de Lugo de Armas Neumáticas disputarase o 26, 27 e 28 de febreiro na galería situada na Casa do Deporte de Lugo (Avda. Duquesa de Lugo) nas modalidades de pistola (individual e equipos) e carabina (só individual) de aire comprimido. As categorías que terán cabida serán: sénior, damas e xunior masculino e feminino en carabinas, engadíndoselle a todas estas a de veteranos e persoas con discapacidade física en pistola.