Cultura
Viveiro, 8 de marzo de 2010
Antonio Veiga participou en Viveiro na gala anual da hostalería lucense
O delegado da Área de Cultura da Deputación participou na entrega de premios da gala anual que a Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería de Lugo organizou desta vez en Viveiro
Onte á noite tivo lugar en Viveiro, no restaurante Louzao, a gala anual que a Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería de Lugo organiza para premiar aos empresarios hostaleiros lucenses máis destacados ou cunha grande traxectoria no sector. Nesta cita xuntáronse uns 180 profesionais chegados de diversos puntos da provincia.

O delegado da Área de Cultura da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, participou na entrega de premios desta gala, onde se distinguiu co título de “Embaixadores Hostaleiros da Provincia” ao matrimonio formado por Manuela Docando, de Pol, e Silvestre Castro, de Mesía (na Coruña), que rexentan en Barcelona o restaurante Casa Castro. Este estabelecemento está especializado en marisco e ten como clientes habituais, entre outros, a xogadores do FC Barcelona ou o Espanyol.

Entregouse, ademais, unha distinción profesional a Guillermo Salgueiro, dono do Complexo Las Sirenas de Viveiro e do Hotel Cervantes en Sevilla. Os premios “Toda Unha Vida”, para profesionais que acaban de xubilarse, recaeron no lucense José Vázquez López, o viveirense Francisco Galdo e o ribadense Carlos Rañón, todos eles con estabelecementos de hostalería nos seus concellos natais.

O presidente da APEHL, Cheché Real, pronunciou un discurso no que fixo referencia á crise que atravesan actualmente todos os sectores da economía e expresou a súa confianza en que o espírito de traballo e sacrificio dos hostaleiros lucenses saque adiante o sector. Real referiuse tamén á importancia de que o Xacobeo traia uns resultados positivos, no cal, os hostaleiros teñen unha parte fundamental xa que “son os recepcionistas dun País”.
Inicio | Estrutura | Noticias | Axenda | Actividades culturais | Axudas | Documentación e impresos | Asociacións e clubs deportivos | Publicacións | Imaxe corporativa