Cultura
Lugo, 10 de marzo de 2010
Inaugurouse no Museo de Lugo a mostra "Feminismo galego: cambios sociais e dereitos das mulleres"
Antón Bao afirmou que "as administracións deben tomar partido de cara a lograr na sociedade a igualdade e harmonía desexada entre xéneros”
Esta tardiña, o vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antón Bao, acompañado do presidente da Fundación Galiza Sempre, Xabier Macías, e da directora do Museo de Lugo, Aurelia Balseiro, inauguraron no refectorio do Museo de Lugo a exposición “Feminismo galego: cambios sociais e dereitos das mulleres”, que recolle -nun formato atractivo e accesíbel para públicos amplos- diversos materiais que dan testemuño da traxectoria e reivindicacións do movemento feminista en Galiza. A mostra permanecerá aberta até o 22 de marzo no Museo de Lugo e pretende contribuír -por medio da reprodución de textos, publicacións, noticias e documentación gráfica- a impulsar na sociedade galega a reflexión sobre os avances e cambios sociais promovidos polas entidades e organizacións defensoras da igualdade de dereitos mulleres.

A exposición iniciou a súa andaina o 20 de outubro en Santiago e percorreu desde entón diferentes vilas e cidades galegas como Porriño, Allariz, Tomiño, A Coruña e Vigo. A iniciativa –producida pola Fundación Galiza Sempre e que conta co respaldo da Área de Cultura da Deputación de Lugo, do Ministerio de Educación e da Deputación da Coruña- organiza a información en 25 metros de paneis e diversos expositores estruturados por contidos, atendendo aos momentos máis significativos das reivindicacións feministas como os tempos das precursoras que reclamaban o ensino para as mulleres, o sufraxismo, as mulleres revolucionarias no franquismo, o movemento feminismo e o divorcio, etc.

No momento da inauguración desta exposición, o vicepresidente da Deputación, Antón Bao, afirmou que o “apoio e impulso a mostras deste tipo radica na importancia que ten que as administracións tomen partido e traballen activamente desenvolvendo as súas actividades de cara a lograr na sociedade a igualdade e harmonía desexada entre xéneros”. Antón Bao explicou que esta exposición que se inaugurou hoxe forma parte dunha programación máis ampla posta en marcha pola Área de Cultura da Deputación en toda a Rede Museística Provincial con motivo da celebración o 8 de marzo do Día Internacional da Muller, “que se elaborou coa idea de trazar unha perspectiva de xénero desde distintas experiencias, culturas, políticas e orixes étnicas, pero compartindo sempre un obxectivo común: o desexo de superar a violencia e constituír o mundo que queremos baseado na paz, a xustiza , a liberdade, a igualdade e a solidariedade”.

Conferencia de Carmen Blanco e Ana Luísa Bouza

Dentro do acto de inauguración da exposición sobre a historia do feminismo en Galiza, tivo lugar unha conferencia sobre esta temática a cargo de Carmen Blanco e Ana Luísa Bouza, dúas boas coñecedoras e con dúas perspectivas achegadas pero desde puntos diferentes sobre o universo da muller neste país.

Carmen Blanco García é profesora de Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela no Campus de Lugo e formou parte do movemento feminista galego desde os anos setenta. Publicou, entre outras obras: O contradiscurso das mulleres (Nigra, 1995), Alba de mulleres (Xerais, 2003), Sexo e lugar (Xerais, 2006), e, no xénero narrativo, os libros Vermella con lobos (Xerais, 2004) e Atracción total (Xerais, 2008).

Ana Luisa Bouza, deputada do BNG no Parlamento Galego, foi directora xeral do Servizo Galego de Igualdade entre 2005 e 2009. Promotora do grupo de opinión 'Outras voces feministas', colaborou coa revista de pensamento feminista ANDAINA.
Inicio | Estrutura | Noticias | Axenda | Actividades culturais | Axudas | Documentación e impresos | Asociacións e clubs deportivos | Publicacións | Imaxe corporativa