Deportes
Lugo, 20 de marzo de 2010
Antón Bao entregou os premios ás seleccións lucenses de minibasket que acadaron o título a nivel galego
A Área de Deportes da Deputación continúa a ratificarse na súa aposta pola promoción do deporte en Lugo facendo fincapé desde a base
O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antón Bao, entregou durante o descanso do partido entre o CB Breogán e o Kics Cidade de Vigo os trofeos polos premios acadados a nivel galego ás seleccións lucenses masculinas e femininas de minibasket. Xunto ao vicepresidente da Deputación estiveron o presidente da Federación Galega de Baloncesto e a súa delegada en Lugo, Francisco Martín e Patricia Rico, respectivamente, e mailo presidente do CB Breogán, Raúl López, que fixeron a entrega de medallas ás dúas seleccións lucenses de minibasket.

A actuación das seleccións lucenses de minibasket foi moi destacábel tanto para o combinado masculino coma para o feminino. Mentres, por unha parte, os nenos lucenses quedaban campións en solitario entre un total de 7 seleccións zonais correspondentes coas delegacións de baloncesto en Galiza, as nenas remataban a competición en 3º lugar, mais empatadas a puntos coas dúas primeiras seleccións. Ademais, o bo momento da canteira do baloncesto lucense pode observarse tamén na recente convocatoria para a concentración da selección galega de minibasket de 3 rapaces e 3 rapazas lucenses: son Álvaro Couselo (Estudiantes), Álvaro Ferreira (CB Burela) e Pablo Ferreiro (Cidade de Lugo); Judith Ferreiros (Cidade de Lugo), Elena Valín (Estudiantes) e Xiana González (Mª Auxiliadora-Ensino).

Desde a Área de Deportes da Deputación acolleuse con grande satisfacción estes logros acadados polas categorías inferiores do baloncesto lucense, o que pode verse como un produto da aposta directa da Área de Deportes da Deputación pola promoción do deporte de base.
Inicio | Estrutura | Noticias | Axenda | Actividades culturais | Axudas | Documentación e impresos | Asociacións e clubs deportivos | Publicacións | Imaxe corporativa