Xavier Gómez Noya asinou o convenio de colaboración polo que a Área de Deportes aporta 10.000 euros de cara a afrontar as diferentes competicións
O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antón Bao, xunto ao delegado de Cultura e Deportes da Deputación, o tamén nacionalista Antonio Veiga, recibiron ao triatleta galego do Cidade de Lugo, Xavier Gómez Noya, que vén de gañar dúas probas consecutivas do Mundial e ten todas as opcións de rematar campión do mundo ao situarse segundo, só co alemán Frodeno por diante, a falta de dúas probas por disputarse.
O motivo da visita do triatleta galego á Deputación ten como motivo fundamental a sinatura do convenio de colaboración entre o deportista e a Área de Deportes da Deputación, polo cal a institución aporta 10.000 euros para contribuír a sufragar os gastos derivados das diferentes competicións por todo o mundo nas que Gómez Noya participa.
Antón Bao agradeceu a presenza do deportista e afirmou que “é un motivo de orgullo poder dicir que desde a Área de Deportes da Deputación estamos a dar o noso pequeno apoio para que Gómez Noya acade os seus máximos resultados deportivos, algo que nos enche de satisfacción como lucenses e galegos, xa que vai representado ao club Cidade de Lugo no máis alto do deporte mundial”. Neste sentido, Antón Bao agradeceulle ao deportista que “cos éxitos que está a acadar coa súa entrega está a lograr situar a bandeira galega no máis alto do deporte mundial” e desexoulle que “logre eses importantes triunfos nas dúas probas que restan para acadar o Mundial de Triatlón, algo do que todos os galegos e galegas estaremos orgullosos e polo que tamén desde aquí che estaremos empuxando todo o que poidamos”.
Pola súa banda, Xavier Gómez Noya agradeceu todo o apoio que desde hai tres anos recibe desta Área de Deportes da Deputación e toda a axuda que recibiu desde que comezou a competir e adestrase hai 10 anos co Club Cidade de Lugo. Gómez Noya lembrou que “incluso nos momentos difíciles como cando me atopei coa lesión, saber que hai institucións e persoas apoiándote incondicionalmente dáche moitos pulos para seguir adiante e pelexar pola vitoria”.
Como recordo do seu paso pola Deputación de Lugo, o vicepresidente da Deputación, Antón Bao, mailo delegado da Área de Cultura e Deportes da Deputación, Antonio Veiga, entregáronlle unha réplica dun batuxo, embarcación tradicional empregada no Miño, un río que Gómez Noya froito dos seus adestramentos e competición na cidade.