Cultura
Lugo, 28 de xullo de 2010
A pallasa Maku Jarrak fixo rir a grandes e pequenos co seu universo de equilibrios e malabares
O espectáculo de Maku Jarrak, que é o penúltimo dos Mércores Miúdos, estivo baseado na acción física e na comunicación co público
Maku Jarrak é pallasa, artista de rúa e equilibrista excéntrica. Con ela, non só os nenos e nenas, senón tamén os adultos que os acompañaban disfrutaron esta tarde do penúltimo espectáculo dos que se enmarcan no ciclo “Mércores Miúdos nos xardíns da Deputación”, o programa deseñado especialmente para que os pequenos teñan unha alternativa de lecer estival, e que se desenvolveu dende o último mércores de xuño e rematará co mago Rafa o mércores da vindeira semana.

A artista que esta tardiña estivo encargada de divertir aos máis pequenos, Maku Jarrak, naceu en Arxentina e á idade de 14 anos comezou a descubrir, incentivada por seu irmán, o mundo dos malabares nas prazas e nas rúas de Bos Aires. Inspirada por algúns dos artistas de rúa da cidade, Maku Jarrak fai a súa primeira función sola nunha praza do barrio de Devoto, aos 16 anos, e nese mesmo lugar gañou experiencia e técnica á vez que a aceptación do público. O festival Tárrega de teatro de rúa, que presenciou en Barcelona no seu primeiro viaxe a España, causou grande impresión nela e convenceuna de que non había un só xeito de actuar na rúa, senón milleiros. Así, definiu a súa personalidade como artista e comezou a actuar por varios países, tamén Galiza, que visitou para actuar no Festiclown e en varias festas en Pontevedra ou Boiro, entre outras.

O espectáculo que presenta, “Metro e medio”, está baseado na comunicación co público e na acción física, todo elo sen esquecer o humor. Maku comunícase practicamente sen palabras, co que crea unha linguaxe universal que enche de momentos cómicos a súa función. Dende que comezara, con 16 anos, a actuar pola rúa, esta pallasa arxentina non medrou en estatura, pero so artisticamente: dende o ano 2001, as súas actuacións forman parte do popular circo arxentino Vachi.

“Mércores Miúdos” é o programa de actividades para que os nenos e nenas lucenses pasen o tempo de lecer, que xa gozou dunha moi boa acollida o ano pasado, cando foi posto en marcha por primeira vez pola Área de Cultura da Deputación. Os “Mércores Miúdos” deste ano estiveron amenizados por “Roi o Cagabolas” de Roi Sixto, “Un día de treboada” de Fredi, “A nena e o grilo” de Magín Blanco, “Os tres porquiños e algún outro” da compañía de monicreques Titiritempo, e esta tarde con Maku Jarrak. O vindeiro mércores, os pequenos e pequenas de Lugo teñen a súa derradeira cita deste ciclo co Mago Rafa, que trae aos xardíns de San Marcos o espectáculo “Momentos Máxicos”.

Por outra banda, dentro do ciclo “Cultura Aberta nos Xardíns”, ás 21:00 horas de mañá xoves o grupo de mozos coruñeses Maghúa mesturarán tradición e diversión na súa actuación, tendo en conta os seus dous obxectivos: recuperar e transmitir a tradición e pasar un bo momento.
Seguidamente, Despois de máis dun ano de xira co espectáculo E.G.F.A., no que ademais de percorreren as rúas e os escenarios de Galiza tamén acompañaron a Manu Chao e Radiobemba na fin da xira europea en Baiona (Francia) e no 50 cabodano do Che Guevara en Santa Clara (Cuba), Festicultores descargarán nos xardíns o seu poder balcánico e ritmo triturador.

Inicio | Estrutura | Noticias | Axenda | Actividades culturais | Axudas | Documentación e impresos | Asociacións e clubs deportivos | Publicacións | Imaxe corporativa