Cultura

Inicio / Cultura / Novas / A Vicepresidencia da Deputación de Lugo presentou...

  • Enviar a un amigo
  • Imprimir

09-07-2012

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo presentou as actividades de verán

Un verán máis, a área de Cultura da Deputación pon en marcha a súa programación estival destinada ás distintas Asociacións Culturais da provincia. O delegado de Cultura e Turismo do ente provincial, o nacionalista Mario Outeiro, foi o encargado de presentalas xunto con Ignacio Vilar, director da película Vilamor, longametraxe que será protagonista da programación desta edición.  

A finalidade desta iniciativa é achegar a un público diverso, familiar e interxeracional, actividades culturais de calidade para complementar aquelas que, durante os meses de verán, xa levan a cabo as propias Asociacións. “Deste xeito, - explicou Mario Outeiro- apoiaimos o movemento asociativo levando propostas culturais a recunchos da provincia, como parroquias, vilas ou concellos pequenos, que doutro xeito non chegarían”.  

“Se ben en Edicións anteriores contamos cunha Ciclobiblioteca e con contacontos teatralizados itinerantes, este ano cambiamos substancialmente de disciplina e optamos por ofertar unha actividade de cine, a proxección da película Vilamor que difundirán un total de 20 asociacións”, puntualizou o delegado.  

Vilamor é a última película dirixida por Ignacio Vilar, estreada en 2012 e rodada nos Ancares, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz. Ambientada a finais dos anos 70, este filme conta a historia de Breixo, un rapaz dunha vila das montañas de Lugo que se atopa cunha comuna na aldea de Vilamor, coa que decide interactuar seducido pola idea dun estilo de vida alternativa. Sen propiedade privada, traballando a terra en total comunión coa natureza, o sono comeza a facerse realidade, a pesares dos constantes ataques das autoridades locais.  

A mediados de xuño abriuse o prazo para que as Asociacións Culturais da provincia solicitasen unha proxección de Vilamor, resultando a súa organización e montaxe totalmente gratuíta para as mesmas. Neste sentido, Outeiro explicou que “até o momento recibimos 37 solicitudes feitas por Asociacións de diferentes lugares da provincia, e xa están pechadas 16, das 20 que finalmente proxectarán o filme”.