Cultura

Inicio / Cultura / Novas / Carlos Blanco e Budiño enchen con iLalelo os...

  • Enviar a un amigo
  • Imprimir

02-08-2012

Carlos Blanco e Budiño enchen con iLalelo os xardíns da Deputación no remate dos Xoves de Cultura Aberta deste verán

Este tardiña, os xardíns da Deputación puxeron o seu broche de ouro á programación de verán “Cultura Aberta nos xardíns da Deputación” co espectáculo humorístico/musical de Carlos Blanco e Budiño DJ, que estiveron acompañados da voz de Lilí Dos Toxos. O recoñecido cómico galego non defraudou a ninguén e sacou punta, e risas entre o público, das situacións máis comúns que todo galego e galega viviu algunha vez e tamén deu un bo repaso pola actualidade en clave cómica. Unha vez máis a resposta do público a esta actividade posta en marcha pola Área de Cultura da Deputación de Lugo foi un completo éxito e así enchéronse todas as cadeiras dispostas e incluso quedou xente de pé para presenciar o espectáculo. 


Os monólogos de Carlos Blanco atopan acubillo e transfórmanse en hip-hop hipnótico nas bases de Budiño DJ. Baixo o título “iLalelo. Con i pequeno”, Carlos Blanco amosou o seu humor intelixente falando de redes sociais, de redes cibernéticas, de poemas imposíbeis, facendo deste espectáculo algo fresco, valente e vivo, chamado a mover masas e a exportar o Galiza Calidade por todo o mundo.   

Con este espectáculo humorístico péchase por este ano o ciclo “Cultura Aberta nos xardíns da Deputación”, que encheu cada xoves de xullo e hoxe, primeiro de agosto, un lugar emblemático como os xardíns do Pazo de San Marcos dunha ampla oferta cultural.